O BNG de Burela propón retirar a rúa e o título de fillo adoptivo a Eijo Garay

Os nacionalistas rexistraron unha moción para debatir no pleno do 2 de agosto a eliminación dos recoñecementos "a unha figura chave do apoio da Igrexa á ditadura"

Rúa Eijo Garay de Burela. GOOGLE MAPS

En coincidencia co aniversario do golpe de Estado do 1936, o BNG de Burela presentou este mércores unha moción para o seu debate no vindeiro pleno –que se celebrará o 2 de agosto-, pola que solicita a retirada do título de fillo adoptivo do municipio ao bispo Leopoldo Eijo Garay, así como o cambio de denominación da rúa que leva o seu nome. 

Os nacionalistas consideran que “a pervivencia de rúas, placas, nomeamentos honoríficos, medallas e distincións a persoas que colaboraron co rexime saído do golpe de Estado do 36 constitúe un insulto á memoria das vítimas, máis cando fican desaparecidas 800 persoas represaliadas en Galicia”.

Na súa proposta, o grupo municipal do BNG fai un repaso da biografía do bispo. “Eijo Garay, que foi nomeado fillo adoptivo de Burela no 1950, foi unha das figuras chave no apoio da Igrexa ao rexime franquista. No 1939 entronizou baixo palio ao ditador, unha modalidade litúrxica reservada a reis”, expón o documento dos nacionalistas.

os frontistas recordan que o bispo “declarou a batalla do bando rebelde como cruzada”

Eijo Garay, con Franco. AXM

CARTA COLECTIVA

Segundo lembra o BNG de Burela, o bispo vigués foi “un dos redactores da pouco cristiá Carta Colectiva do episcopado no 1937, xunto ao cardeal Isidro Gomá. No documento”, indican os nacionalistas, “a Igrexa Católica proclamou o ‘sentido cristián da guerra’ ou a necesidade de exterminar a un inimigo ‘ateo e estranxeiro’. Desde entón, a batalla no bando rebelde foi considerada como ‘cruzada’”, resaltan.

o prelado ten raíces familiares no municipio e atribúenselle xestións a prol do primeiro porto refuxio

O grupo municipal do BNG considera que, “malia que haberá quen manteña que Eijo Garay merece unha rúa na nosa vila pola súa ascendencia familiar -tiña avós paternos na localidade ou polas supostas xestións que fixo para a construción do primeiro porto refuxio en Burela no 1931, estes argumentos non xustifican a presenza do bispo no noso rueiro, dada a súa implicación no rexime franquista”.

buril realizou a mesma proposta no 2009, que daquela non prosperou

VIGO E MADRID RETIRARON DISTINCIÓNS

Os nacionalistas apuntan que tanto Vigo como Madrid, cidade na que foi bispo durante 40 anos, xa retiraron distincións a Eijo Garay, e recordan que o colectivo cultural Buril reclamou no 2009 unha solicitude que non prosperou daquela, pero que consideran xustificada. “Burela non pode ser unha excepción a esa lenta, máis precisa rexeneración democrática”, conclúen.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here